Tuesday 07 de May de 2024

O concello renuncia á xestión municipal da lonxa de Riveira como trámite previo ao concurso para levar a nova instalación


O Consello Local de Pesca mantivo no día de hoxe unha reunión co fin de abordar a desmunicipalización da prestación do servizo da lonxa de Riveira, segundo un escrito remitido do Portos de Galicia no transcurso deste mes no que se solicitaba tal trámite, como requisito previo antes de poder sacar a concurso a xestión da nova infraestrutura, cuxa construción está previsto que conclúa no presente ano 2015.

Os membros do Consello Local acordaron renunciar á xestión da instalación, plantexando como condición que o ente autonómico conceda a este Concello autorización previa para seguir exercendo como concesionario do servizo en tanto non se resolva o devandito concurso.

Ademais, decidiuse manter reunións coas vendedurías que operan na lonxa co fin de expoñerlles este asunto.

Datos da lonxa
O Consello Local de Pesca serviu tamén para analizar os datos en canto a descargas e facturación no porto de Riveira.

Neste senso, o de Santa Uxía sigue a ser o porto de titularidade autonómica con máis quilos descargados, cun total de 29.617.864, un 6,68% máis que en 2013. En facturación, acadou un total de 34.729.958 euros (un 3,55% máis que o ano anterior), cun prezo medio de 1,17 euros (4 céntimos menos que en 2013).

Como especie principal en descargas, destaca o lirio con 9.600 toneladas (un 32,15% do total) e unha cifra de negocio de 8,2 millóns de euros. A segunda especie é o xurel (6.300 toneladas e 5,1 millóns de euros) e terceira o estornido ou cabalón (4.000 toneladas). A xarda rexistrou unha descarga de 3.000 toneladas e a pescada, 1.100.

Actualmente hai rexistrados case 300 compradores autorizados para realizar transaccións de peixes, mariscos, crustáceos e moluscos.

Estiveron presentes no Consello Local o alcalde Manuel Ruiz, o vicepresidente da entidade Manuel Lampón, os patróns maiores de Riveira e Aguiño (José Antonio Pérez Sieira e José Antonio Santamaría), o delegado comarcal da Consellería do Mar (Andrés Pérez), os representantes dos grupos municipais do BNG e PSdG-PSOE, Xosé Antonio Vázquez Cobas e Encarna Romero, e o administrador da lonxa, José Manuel Orellán.